Noia, Camiño (2024): O conto de tradición oral. Colección Esenciais. Breviarios de divulgación do saber. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 110 p.
Xosé María Gómez Clemente
Universidade de Vigo
No ano 2024 saíu do prelo un novo volume na colección Esenciais do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, unha colección de divulgación do saber, creada e dirixida con grandísimo acerto polo profesor da Universidade de Vigo, e director daquela do Servizo, Jorge Luís Bueno, fundamental para a divulgación científica tanto no ámbito das ciencias, tecnoloxías e humanidades.
No volume 10 a catedrática xubilada do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos, preséntanos un texto co título O conto de tradición oral, dividido en 6 capítulos: 1. Nacemento do folclore. 2. Que é un conto de tradición oral? 3. Orixe e clasificación dos contos. 4. Tipos de contos. 5. Oralidade e escritura. 6. Conto e sociedade. Con esta estrutura, cun estilo axeitado para as persoas non especialistas e cunha información moi detallada, que non exclúe a presentación dalgún conto galego concreto, conséguese presentar unha visión completa do tema. Camiño Noia é a máxima especialista no conto popular galego, autora de obras fundamentais como Contos galegos de tradición oral (2002), Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral (2010) e Catalogue of Galician Folktales (2021).
No primeiro capítulo, «Nacemento do Folclore», a autora trata da orixe do estudo do folclore e dá numerosos datos sobre os traballos en distintos países de Europa, con especial referencia a Galicia. O interese pola tradición popular bebe das ideas do filósofo alemán Herder (1744-1803) que publica en 1778 unha colección de Volsklieder (cancións populares). Tamén se salienta a contribución fundamental dos irmáns Jacob Grimm (1785-1863) e Wilhelm Grimm (1786-1859) que compilan unha serie de contos alemáns (211, na edición de 1857) e espertan en Europa o interese polos contos populares. Concretamente, en Galicia, Saco e Arce (1835-1881) recompila contos galegos, transcritos en castelán, con intencións moralizantes. En 1920 na revista Nós, créase o «Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galicia» que recolle poucos contos de variada tipoloxía. En 1958, Laureano Prieto (1907-1977) publica os Contos vianeses, en 1963 aparecen os Contos populares da provincia de Lugo e en 1968 dáse ó prelo, postumamente, a obra de Lois Carré (1898-1965) titulada Contos populares de Galiza que recolle 272 versións. En 2002, a propia Camiño Noia publica os Contos galegos de tradición oral con 274 versións das provincias de Ourense e Pontevedra.
No capítulo 2 titulado «Que é un conto de tradición oral?» delimítanse conceptos básicos para o coñecemento da literatura oral, non sempre doados de derregar. En primeiro lugar, preséntase a definición de conto que Camiño Noia defíne como unha historia simple, con personaxes arquetípicos (bo, malo, rico, pobre), de carácter case sempre ficcional. Stith Thompson (1885-1976) indica que é unha historia composta dun encontro, un enfrontamento e un desenlace. A lenda é unha historia con elementos marabillosos presentados como reais, a crenza é un relato mítico sobre un feito histórico sucedido nun lugar determinado e o mito está composto por relatos dun tempo anterior sobre seres divinos, sagrados, relacionado con crenzas relixiosas.
Un dos capítulos máis interesantes é o 3, sobre a «orixe e clasificación dos contos». Noia refírese ó feito de primeiramente se recolleren contos que se pensaban que eran creacións propias de determinados pobos, pero axiña se descubriu que se documentaban os mesmos en diferentes sitios. Ó longo do tempo foron conformándose distintas teorías sobre a orixe dos contos. Os irmáns Grimm (1819) elaboraron a teoría indoeuropeísta da súa orixe, que defende que os mitos axiña se converteron en contos. Max Müller (1823-1900) supuxo que os contos naceron dos mitos solares de pobos orixinarios da India. Enuncia a «teoría mitolóxica» que amplía a indoeuropea dos irmáns Grimm pero foi rexeitada por falta de datos. Theodor Benfey (1809-1881) acepta en parte a teoría de Müller: os contos teñen a súa orixe na India e foron divulgados oralmente en Europa. As traducións do Panchatranta e do Hitopadeza chegan a Europa pola extensión da influencia árabe. A teoría indianista de Benfey durou ata que foi substituída por teorías polixenéticas de antropólogos e etnógrafos que defendían a capacidade creativa de todos os pobos en todas as artes, tamén a narrativa. Como defensores da teoría polixenética salientan, entre outros, o portugués Adolfo Coelho (1847-1919), Andrew Lang (1844-1912), Mircea Eliade (1907-1986), Lévi-Strauss (1908-2009), Vladimir Propp (1895-1970) e Joseph Bédier (1864-1938). Camiño Noia resume todas estas teorías e comenta que as diferenzas entre elas non son radicais e que se centran nas relacións entre conto e mito. A maioría dos estudosos pensan que a orixe dos contos é oriental. Para a súa difusión foi fundamental a predicación de cregos e monxes en linguas vernáculas e as traducións do iranio e do árabe.
Quizais o máis importante no que atinxe á clasificación dos contos populares sexa a creación da Sociedade da Literatura Finesa (Suomalaisen Kirjallisuuden Seura, SKS) fundada en 1831. Julius Krohn (1835-1888), profesor de lingua e literatura finesas na Universidade de Helsinki, propúxose clasificar o material gardado na SKS, baseándose nun metodo histórico-xeográfico para comparar as variantes narrativas de cada conto co obxectivo de identificar cal é o conto tipo (vid. infra). Sucédeo Antti Aarne (1867-1925) que funda a asociación internacional Folkloristic Research Association en 1910 destinada a axudar a folcloristas a publicar o seus traballos. Créase a colección «Folklore Fellows Communications» na que ata 2023 se publicaron 326 libros, entre os que hai varios catálogos de contos, incluído o dos contos galegos (Noia 2021). Aarne publica o seu primeiro catálogo en 1910, o Verzeichnis der Märchentypen que contén uns 550. Propón 1.960 tipos repartidos en catro apartados, con tipos asociados, moitas veces baleiros: a) Contos de animais; b) Contos ordinarios de maxia; c) Chistes e d) Contos longos.
Aarne morre en 1925 e continúa o seu traballo Stith Thompson, profesor da Universidade de Indiana, que publica en inglés a segunda edición do catálogo de Aarne co título The Types of the Folktale. Classification and Bibliography (1928). Thompson clasifica máis contos (incluídos os inéditos de Grimm), introduce máis tipos e inclúe dous novos apartados: “Formula Tales” e “Unclassified Tales”. Crea o concepto de motivo narrativo que analiza en miles de contos, fábulas, romances e lendas para inventarialos nun sistema clasificatorio numérico na obra Motif-Index of Folk-Tales que se publicou entre 1932 e 1936 en 6 volumes. En 1961 Thompson publica unha nova edición do catálogo cun total de 2.500 tipos con novas seccións.
En 2004, o folclorista alemán Hans-Jörg Uther publicou en tres volumes unha nova edición do catálogo internacional de contos The Types of the International Folktales. A Classification and Biblography. Mantén os tipos de Thompson pero converte en seccións independentes as contidas en «contos folclóricos ordinarios» (maxia, relixiosos, realistas, do ogro estúpido). Inclúe referencias a contos da tradición peninsular (Portugal, Cataluña e Aragón). Malia facer un traballo fundamental para o estudo do conto popular, os membros da Escola de Helsinki non se libraron das críticas por se centraren na clasificación tipolóxica e esquecer a análise do significado.
Noia tamén se refire ós conceptos de tipo, versión, motivo e episodio que menciona ó longo da obra. Tipo ou «conto tipo» é a narración dun tema composta por episodios. A versión é a manifestación dese conto tipo nunha tradición oral completa. O modelo «tipo e versión» foi o utilizado pola escola de Helsinki. Thompson engádelle o motivo que é o elemento máis pequeno que persiste nas versións tradicionais dun tipo. O folclorista americano elaborou un grupo de 24.195 motivos. Episodio é unha unidade argumental dentro del conto que pode incluír un ou máis motivos pero non son caracterizadores del e poden aumentar, diminuír e variar.
O seguinte apartado do capítulo refírese ós catálogos de contos. O sistema da Escola de Helsinki (Aarne-Thompson) converteuse no sistema internacional de clasificación dos contos populares. No ámbito hispánico, aparece en 1995 o Catálogo tipológico del cuento folclórico español de Julio Camarena e Maxime Chevalier que clasifica contos marabillosos en catro linguas oficiais do Estado. Coa mesma autoría, en 1997 publícanse os contos de animais e en 2003 contos novelas e contos relixiosos. En 2006, sae do prelo o Catalogue of Portuguese Folktales (Cardigos e Correia). O Catálogo dos contos tradicionais portugueses en 2015, tamén de Cardigos e Correia, é unha versión ampliada con respecto á inglesa.
En 2010 Camino Noia publica o Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral. Son contos de Galicia e das áreas galego falantes de Asturias, León, Zamora e Cáceres. Séguese o catálogo de ATU (Aarne-Thompson-Uther) (2004) pero recupéranse subtipos de AT (Aarne-Thompson) (1981) eliminados por Uther; tamén se recorre a outros catálogos pero se o tipo non aparece neles créase un novo co nome de Noia. Esta clasificación foi utilizada polo folclorista Ángel Hernández no Catálogo tipológico de contos murcianos en 2011. En 2021 Noia publica o seu Catalogue of Galician Folktales no número 322 dos FF Communications da Kalevala Society. Clasifícanse máis contos ca no 2010.
Outro capítulo fundamental é o 4º titulado «Tipos de contos». Coa publicación da versión de Uther do catálogo The Types of the International Folktales (Aarne-Thompson-Uther, ATU) en 2004 os contos populares son clasificados en 7 apartados, algúns deles con estremeiras pouco definidas o que quizais poida facer difícil a catalogación. A denominación canónica dos tipos de contos a partir desa data é a seguinte:
1. Contos de animais (tipos 1-299, en realidade só ata o 293)
Proceden das antigas fábulas de Fedro ou Esopo. Utilizáronse con fins didácticos pola Igrexa en determinadas sociedades, tamén pola súa estrutura simple, normalmente un único motivo nun único episodio. Os motivos son principalmente a sedución e o engano.
2. Contos marabillosos ou de maxia (300-749)
Situados nun espazo indefinido do mundo rural, inícianse coa saída da casa familiar do heroe ou heroína para realizar unha viaxe na procura de distintas cousas. O heroe ten que facer unha serie de traballos moi difíciles, para os que precisa a axuda dun doador que lle indica o que ten que facer. Os contos de maxia foron os máis estudados para atoparlles o seu simbolismo e tamén os primeiros en desaparecer do imaxinario colectivo polo menos en Galicia.
3. Contos relixiosos (750-849)
Recollidos por Aarne-Thompson como «Ordinary Tales», Uther en 2004 clasifícaos cun apartado propio que se refire a crenzas do alén, á salvación eterna, ó destino, ó premio ou castigo despois da morte. Nos catálogos galego e portugués hai contos referidos ás ánimas dos mortos que volven ó mundo, ós condenados no inferno ou á estadía de Cristo e S. Pedro na terra que non existen noutras zonas da península.
4. Contos realistas ou novelle (850-899)
Esta denominación é de Uther, xa que Aarne-Thompson incluía estes contos no conxunto dos «Ordinary Tales». É un apartado cun grande número de contos diferentes, maiormente sen elementos máxicos, pero tamén con eles (aventuras que só son posibles con axuda da maxia). Aparecen elementos da vida cotía acompañados de elementos fantásticos ou sobrenaturais.
5. Contos do ogro (xigante, demo estúpido) (1000-1199).
Apartado tamén creado por Uther. Son contos que se desenvolven arredor dunha figura dun mozo forte e un amo con poderes sobrenaturais, entre os que hai un contrato, normalmente para facer cousas imposibles, co acordo de se non enfadaren de non se cumprir o contrato. O mozo engana ou vence sempre o ser con poderes sobrenaturais. Aparece o demo que fai un pauto cun humano pero este sempre consegue zafarse, ás veces axudado por un ser sobrenatural. Son contos que teñen moito humor, e pouco se diferencian dos contos de chistes, agás polo feito de apareceren eses seres sobrenaturais. Tamén teñen algunha relación cos contos de maxia.
6. Anécdotas e chistes (1200-1999)
Este apartado é o máis extenso en todas as tradicións, tamén na galega (319 contos), e son os mellor conservados. Recollen historias breves ou distintos comportamentos humanos das comunidades rurais. Malia teren un carácter lúdico, critican condutas reprobables de personaxes da comunidade, especialmente daqueles que teñen o poder (cregos, bispos, xuíces, avogados). Aparece a figura do parvo (coñecido polo nome de Xan en Galicia), autor de distintas accións desastrosas, das que nunca sae prexudicado, senón máis ben beneficiado por unha casualidade. Tamén a muller protagoniza historias de tipo sexual cos cregos, caracterizados como persoas luxuriosas, falsas e avariciosas, historias contadas sen dramatismo, desenfadadas, nas que, segundo Noia, non ten por que verse unha crítica á Igrexa. Atopa a autora unha diferenza con outras tradicións peninsulares, xa que o home, cando descobre o adulterio co crego, non castiga a muller senón o crego. Isto pode deberse ó feito de a tradición galega estar controlada por mulleres e non por homes.
7.Contos de fórmula (2000-2399)
Este apartado foi engadido por Thompson na revisión de 1961 do The Types of Folktales. É un apartado misceláneo, con contos con estrutura rítmica, acumulativa ou enumerativa. Son narrativas formulísticas sobre aspectos comúns da vida, o casamento, a morte, as doenzas ou outros sucesos, protagonizadas por animais e humanos, compostos por episodios que se repiten.
O capítulo 5 «Oralidade e escritura» está dedicado a explorar as relacións entre oralidade e escritura na difusión das historias que recollen os contos populares. Por unha parte, as fábulas de Fedro, Aviano (tradutor de Fedro e Esopo), as historias do Satiricón de Petronio ou do Asno de ouro de Apuleio fóronse difundindo por Europa e xa dende o século XI a Igrexa Católica elaborou obras sapienciais, exemplarios e fabularios cunha finalidade didáctica, onde se recollían contos das tradicións clásicas e orientais. Entre outros, os exemplarios máis coñecidos son o Dolopathos sive Historia Septem Sapientum Romae, a Disciplina clericalis (33 contos exemplarizantes da tradición árabe, persa, xudía e cristiá), o Policraticus de John de Salisbury (1125-1180), os Sermones vulgares e Sermones feriales et comunes de Jacques de Vitry (1226), con 314 contos, e o Tratactus de Étienne de Bourbon (1180-1256) publicado en 1250. Moi salientable é a Scala Coeli que ten máis de 1.000 exempla distribuídas en 122 rúbricas. Nel aparecen tipos que se recollen despois no catálogo ATU.
Á parte dos exemplarios, en Castela publicouse o Sendebar, ou Libro de enganos y los asayamientos de las mujeres (1253) tradución dunha colección de contos árabes procedentes da tradición persa o hindú do Sindibad. A mediados do XIII tamén se traduciu o Calila e Dimna, unha serie de apólogos morais de orixe hindú, por orde de Afonso X (1221-1284). Tamén son salientables o Libro de buen amor (Arcipreste de Hita) escrito a principios do XV, o Libro de los Exiemplos del Conde Lucanor et de Patronio (1335) escrito por don Juan Manuel. En Portugal consérvase un manuscrito do XV titulado o Livro de Esopo, a maior parte con protagonistas animais.
No caso de Galicia non se conservan compilacións medievais de contos pero é interesante o comentario do Padre Sarmiento (Frei Martín Sarmiento 1695-1772) no século XVII que afirmaba que, cando oía falar das traducións francesas das Mil e unha noites, lle parecía que algúns dos contos llelos estaba oíndo ós nenos e nenas de Galicia.
As devanditas compilacións tiveron un grande éxito para o desenvolvemento da pastoral cristiá máis en 1624 a Igrexa prohibe utilizalas nas predicacións por parecerlle demasiado profanas.
Estas historias, segundo Noia, tiveron un percurso circular: os mitos convertéronse en contos orais, que pasaron a fabularios latinos e na Idade Media ós exemplarios e, partindo deles, a través das predicacións, de novo pasaron a ser contos orais. Esta é unha proposta non totalmente consensuada pero é certo que ambos os sistemas, o oral e o escrito, se beneficiaron mutuamente. Escribiren os contos orais é unha forma de salvalos, xa que moitos dos que non se escribiron non se salvaron. Existe o problema da selección moral dos contos que fixo a Igrexa o que evitou que se conservasen contos obscenos. Noia está de acordo con isto e comproba que nas coleccións feitas na Idade Media e no século XIX non hai contos obscenos pero afirma que grazas ós seus traballos de gravación de contos no século XX en Galicia descubriu que a censura eclesiástica e política non puido coa «corrente invisible, intanxible e inabarcable da narrativa de tradición oral que discorreu de boca en boca con toda a liberdade».
Neste apartado, Camiño Noia presenta o conto titulado en galego «Dous homes e a mula» (tipo 1510 ATU The Matron of Ephesus) como un exemplo da intensa relación entre a escritura e a oralidade. Este en concreto relata a historia dunha viúva que axiña se esquece do home e mete outro na súa cama. Noia recolle varias versións en distintas provincias galegas pero afirma que non se documentan versións semellantes noutras zonas da península. Aparece por primeira vez nas fábulas de Fedro («Viuva et miles») e logo no Satiricon de Petronio, co nome da «Matrona de Éfeso».
O último capítulo do libro titúlase “Conto e sociedade”. Nel lémbrase que a literatura oral estivo presente, especialmente nas comunidades rurais, para entreter pero tamén para transmitir unha serie de valores, normas e crenzas que servían para conformar o mundo que se habitaba. Contar historias en grupo deulle á comunidade a posibilidade de imaxinar outra realidade escoitando historias ben organizadas con elementos marabillosos, fantásticos ou prodixiosos. Outra función dos contos foi a educativa: as mulleres contábanlles contos ós nenos e nenas (xa na antiga Grecia e tamén en Galicia). As contadoras facían a función social de guías pero practicando unha especie de censura previa da comunidade. Os contos que puñan en dúbida as crenzas sociais tiñan poucas posibilidades de sobrevivir. Con todo, estas funcións foron cambiando. Xa en 1930 Walter Benjamin (1892-1940) afirmaba que a prensa estaba cambiando o valor educativo que tiñan os contos. Agora pasa o mesmo coas redes sociais.
A muller é unha figura central nos contos e neles recóllese un dos labores principais que desenvolvían nas sociedades tradicionais: o da repartición de alimentos. A muller tamén administra o patrimonio que é desbaldido polo fillo e polo home, persoas de pouco siso. Asemade, é protagonista de contos sobre o sexo, mesmo obsceno, que falan de relacións fóra do matrimonio. Parece ser que nas comunidades rurais o adulterio non se consideraba unha infidelidade, senón algo permitido socialmente.
No final do libro complétase a visión sobre a situación actual dos contos populares. Nos últimos anos do século XX, en Galicia aínda se contaban contos de animais e historias obscenas, pero xa non se lembraban os contos marabillosos, nos que se substituíran as antigas figuras polos personaxes da Virxe, Cristo, os santos e o demo. Os contos galegos e portugueses son os que máis tardaron en desaparecer, debido ó illamento das comunidades rurais ata as décadas de 1960 e 1970, momento en que comezou a emigración masiva. A transmisión desapareceu polos cambios sociais e tecnolóxicos, primeiramente a televisión e moito máis tarde internet. Son os contacontos profesionais os que agora contan e transmiten os contos, que seguen tendo valor como instrumentos para a educación sentimental e a toma de conciencia das relacións familiares e sociais.
Ninguén dubida de que a profesora Noia Campos é a máxima especialista no estudo do conto de tradición oral galego. A súa mestría deixouna clara nos numerosos traballos publicados e xa citados Ela foi capaz de recoller e catalogar os xa minguados testemuños do conto oral en Galicia e, deste xeito, conservar un aspecto fundamental da cultura galega. Neste sentido, o conxunto da súa obra verbo deste tema salienta dunha maneira incontestable. Agora, coa publicación desta obra de divulgación, tan ben resolta porque non renuncia á visión detallada e documentada do tema cunha prosa didáctica, agardamos que o interese polo conto de tradición oral aumente dunha maneira significativa.
Aarne, Antti; Stith Thompson (1981): The Types of the Folktale. A Classification and Bibliography. Folklore Fellows’ Comunications 184 (1928). Helsinki: Suomalainen Tiedeakatemia/ Academia Scientiarum Fennica. Segunda revisión.
Noia, Camiño (2021): Catalogue of Galician Folktales. Folklore Fellows’ Communications 322. Helsinki: The Kalevala Society.
Uther, Hans-Jörg (2004): The Types of International Folktales. A Classification and Bibliography. Folklore Fellows’ Communications 284, 285, 286. Helsinki: Academia Scientiarum Fennica.